logob


Unha cidade antiga


Ao igual que xacementos como Sanfins (Portugal) ou Santa Tegra (A Guarda), Castromao é un oppidum, isto é, unha cidade prerromana antiga que exercía de capital política dos coelernos e que xogaba un papel clave na organización do territorio.
Cada unha das construcións que ves aquí tiña unha función determinada: almacéns de cereal e landras, de ferramentas, obradoiros de artesáns, cortes para o gando e vivendas. Estas últimas tiñan no seu centro un fogar, en ocasións delimitado por laxes, destinada a cociñar alimentos e manter quente o espazo no que durmían os membros da familia. Neste sector podemos ver parte dun conxunto habitacional galaico-romano no que destaca un patio aberto central de planta rectangular. Máis ao Sur hai dúas estruturas circulares cun piso de uso situado nunha cota inferior respecto da porta, polo que tiña que dispoñer dunha escaleira interior. Ao mesmo tempo que estas construcións circulares sobreviviron, outras veciñas foron anuladas para a construción de novas vivendas xa á moda romana.



Coio gravado

O coio numerado que se atopou neste sector do xacemento foi gravado co número XXVII utilizando para iso un instrumento metálico. Trátase dun ponderal ou peza que ten valor en función do seu peso (8.750 gr), o que equivale a unha pesa de 27 libras romanas.

Terra sigillata marmorata


Coñecida tecnicamente como terra sigillata marmorata, esta excepcional peza cerámica que foi moldeada durante o goberno do emperador Nerón. Trátase dunha cerámica romana de cor rosada de alta calidade que destaca pola utilización de grilandas no friso principal a base de tallos rematados por motivos florais.

A marmorata é un tipo de cerámica de cor amarela con vetas que recorda a textura do mármore, e que puido ter un uso cerimonial ou votivo privado. A súa orixe sitúase nos obradoiros do xacemento romano de La Graufesenque (Francia). Esta cerámica de luxo foi producida por máis de corenta e cinco obradoiros que utilizaban os mesmos moldes. Esta cerámica de luxo sigillata –isto é, siglada– distribuíuse por todo o Imperio (Francia, Italia, Holanda e Inglaterra). Na península Ibérica documentouse fundamentalmente en lugares costeiros, así como en municipios intensamente romanizados como a actual Mérida.