logob


A casa dos galaicos


Castromao foi un asentamento de campesiños e mineiros romanizados, pero a súa arquitectura e o seu urbanismo son debedores da tradición acuñada durante a Idade do Ferro (s. VIII-Ano 0). Tratábase dunha comunidade complexa formada tamén por artesáns (oleiros, ferreiros, ourives), como evidencian as ferramentas, moldes e útiles atopados nas distintas campañas arqueolóxicas. Entre os séculos IV e II antes de Cristo, en Castromao as construcións petrifícanse e ocupan toda a superficie da acrópole: 2,2 hectáreas. A muralla consolidada funciona como referencia básica para ordenar as vivendas. Nun contexto social de paz e bonanza económica, a Coelióbriga romanizada alcanzou unhas dimensións moi superiores ás que hoxe define a muralla visible. Así o evidencia a aparición de múltiples materiais arqueolóxicos na aldea próxima de Castromao, o que nos induce a pensar nunha aldea aberta desprovista de muralla. A organización das vivendas deste sector do castro responde a un conxunto de estruturas ao redor dun patio común, destacando como construción principal para vivenda unha con planta circular e vestíbulo, con fogar central e pía no interior. Do outro lado do patio sitúanse unha segunda construción circular e unha terceira cuadrangular de esquinas redondeadas, posiblemente con función de almacenaxe ou corte.


Elementos de bronce achados

Alfinete

Recuperouse entre uns moldes de alfinete realizados en arxila.

Fíbula en Omega
É un broche metálico utilizado desde época prehistórica por gregos e romanos.


A metalurxia do ouro

Neste castro atopáronse dúas tortas de ouro, sendo un dos cinco castros galaicos nos que se documentan evidencias de metalurxia do ouro. Unha delas, de 110 gramos, apareceu neste sector do xacemento. As escouras e muíños para triturar o metal e tamén os moldes de Coelióbriga concentrábanse entre as vivendas máis próximas á muralla, quizais para asegurar un acceso cómodo e rápido en caso de incendio ao adarve, a principal vía de comunicación do castro. No barrio veciño ao da tábula apareceron fornos cerámicos de adobe en forma de pequena bóveda sobre unha base plana e unha soa abertura, a entrada.

O retrato do metalúrxico, un oficio distinguido e moi considerado durante a antigüidade, puido corresponderse con esta descrición do historiador Robert Fossier:

“Este home, señor do ferro e do lume, que traballa… diante dos aldeáns, atrapados polo medo e a admiración, é como o señor da comunidade."

Entre as súas mans e baixo o seu control pasan as monturas e as rodas, os coitelos e as reixas de arar, as fouces e as machadas, os eixos e as lamias, os aros dos toneis. Ten ao señor por cliente, e na súa forxa colgan as armas do guerreiro que vai endereitar ou soldar de novo e brunir. É o obreiro por excelencia… non está totalmente separado do mundo do campo onde pode ter unha parcela…”