logob


A muralla do castro


En ausencia de rúas rectas interiores, que chegarán da man de asentamentos romanos de nova planta, a muralla de Castromao, ademais de como elemento defensivo, servía tamén de vía de comunicación principal a través do seu adarve, facilitando a circulación de persoas e bens dentro do poboado, como testemuñan varias escaleiras que dan acceso a el desde diferente barrios.
A muralla do castro reforzaba as boas condicións defensivas naturais do asentamento, e aparecía complementada con outros elementos como foxos, terrapléns ou parapetos. Outra dimensión da muralla é a simbólica. A monumentalidade deste muro defensivo transmitía unha idea de prestixio aos foráneos, anticipando os recursos económicos e o poder que tiña a comunidade á que lle daba protección. O conxunto de estruturas que ves aquí, aparentemente inconexas, foron as primeiras escavadas de todo o castro, en 1966. As construcións da plataforma máis baixa forman un “barrio de tipoloxía indíxena” limitado pola propia muralla, e aparece separado por muros de contención e nivelación doutras construcións que se levantan nas plataformas superiores.



Un forno portátil


Foi recuperado no transcurso das escavacións de 1971. No contorno non se documentaron pingueiras metálicas, pero si moldes de fundición e muíños planos, usados posiblemente para triturar o mineral. A posibilidade de que sexa un forno cerámico convencional é improbable polo seu pequeno tamaño. Xa que logo puido ser un aparello destinado á fundición de mineral para obter metais: ouro, cobre ou prata.


O tríscele calado

Xunto cos motivos cordados, entrelazos ou as figuras de guerreiros, os trísceles son elementos da plástica castrexa típicos do convento bracarense, isto é, do ámbito suroeste da cultura galaico-romana.

A complexidade técnica destes motivos decorativos evidencian unha gran habilidade técnica por parte dos artesáns que os tallaron, o que nos fai pensar incluso nunha dedicación a tempo completo.
En Castromao atopáronse varios trísceles, o máis coñecido de todos, este, de infrecuente tipoloxía calada, que xira os seus tres brazos de esquerda a dereita. A súa factura fainos pensar que estivo embutido no muro dunha cabana de planta cadrada, facendo as veces de celosía durante a derradeira etapa na que estivo habitado este sector do castro, alá polo s. II despois de Cristo.

Ademais da función práctica, como celosía, o tríscele tamén pode ser interpretado en clave artística, xa que ao ser iluminado polo sol provocaría o seu reflexo nunha parede interior.

Os trísceles poden vincularse tamén ao mundo relixioso, en concreto ao culto solar, algo moi frecuente en toda a Europa prehistórica, que acolleu os distintos tipos de esvástica (rosetas, trísceles de tres e catro brazos) como emblema identitario frecuente.