logob

Ola!
Benvidas e benvidos ao xacemento galaico-romano de Castromao, a antiga Coelióbriga, a capital do pobo dos coelernos, un dos pobos indíxenas que habitaba a Gallaecia durante a Idade do Ferro e a Romanización.

Os coelernos eran unha das dez civitates ou pobos galaicos que conformaban o Conventus de Brácara Augusta, con capital na actual Braga, un dos tres conventos xurídicos nos que os romanos dividiron a Gallaecia. Castromao é unha cidade prehistórica que foi habitada entre os anos 700-600 antes de Cristo e 200-300 despois de Cristo. Posúe unhas dimensións principais de 2,26 ha e aparece protexida por unha muralla perimetral, aínda que as estruturas arqueolóxicas localizadas superan amplamente este elemento defensivo.

Arredor dunha plataforma superior na que se atoparon restos da Idade do Bronce (2.500-800 antes de Cristo) e dunha capela da Idade Moderna, as estruturas arqueolóxicas galaico-romanas sitúanse en sucesivas plataformas graduadas separadas por muros de contención.
O espazo mellor coñecido é a terraza inferior situada intramuros, a mesma na que se levaron a cabo a meirande parte dos traballos arqueolóxicos desde a década de 1920 ata o ano 2008.
Esta área escavada supón un cuarto da superficie total do espazo dentro da muralla. Neste espazo documentáronse un total de 136 estruturas, das que unhas 80 se corresponden a construcións habitacionais ou de almacenaxe, formando ata 36 unidades familiares, conxuntos ou barrios nos que vivirían entre 4 e 6 persoas. En todo caso, fóra do recinto amurallado e por baixo da actual aldea de Castromao, téñense atopado restos de máis estruturas, polo que a extensión do poboado sería moito maior da que delimita a muralla.
Extrapolando esta información a toda a área do castro podemos supor que no momento de máximo esplendor da vida do mesmo puidérono habitar arredor de 500 persoas, ás que habería que sumar outras moitas que residirían nas construcións exteriores, podendo ter acadado entre 800 e 1.000 habitantes ao redor do século 1º antes de Cristo e o 1º da nosa Era.

Padrão dos Povos
No Padrão dos Povos de Chaves (Portugal), unha columna romana epigrafada datada no ano 79 d.C, cítanse o nome das dez civitates ou pobos prerromanos que constituían o Convento Bracarense. Un deles son os coelernos.