Crear PDF Recomendar Imprimir

Celanova acolle mañá, a partir das 11,30 a entrega do XXIX Premio Casa dos Poetas á empresa “R”

  • Votación
    (0 votos)
  • Data
    Domingo, 8 de setembro a partires das 11.30 horas
  • Gústame

LogoRO acto estará presidido pola presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, e contará coa presencia do Conselleiro Delegado de “R”, Arturo Dopico.

Un ano máis, a principios de setembro, Celanova lembra ós seus ilustres escritores. Os actos programados para este domingo comezarán cunha recepción na Casa do Concello do Conselleiro Delegado de “R”, Arturo Dopico, e dos demais convidados, entre os que está confirmada a presenza da Presidenta do Parlamento de Galicia, o Conselleiro de Cultura e Educación, o Presidente da Deputación Provincial de Ourense, o Presidente da Real Academia Galega, o Secretario Xeral de Política Lingüística e a Xefa Territorial de Educación en Ourense, así como numerosos persoeiros vinculados ao mundo da cultura como Xosé Luís Méndez Ferrín, Anxo Angueira, Xosé Neira Vilas ou o autor da medalla conmemorativa e do busto de Celso Emilio Ferreiro, Acisclo Manzano.

Ás 11.30 terá lugar  unha ofrenda floral diante do monumento de Celso Emilio con motivo do seu 34 cabodano, así como un pequeno recital de poemas de Celso Emilio e Curros Enríquez a cargo dos alumnos do obradoiro de teatro de Celanova, Juan Manuel Villar e Nacho Núñez. O acto estará amenizado coa intervención do grupo de gaitas do Concello de Celanova.

Os asistentes, unha vez rematada a homenaxe, trasladaranse ao Auditorio Municipal de Celanova en cortexo cívico acompañado polo grupo de gaitas do Concello de Celanova, onde arredor das 12 horas se procederá á entrega do premio presidida pola Presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo Noguera. A mesa da entrega estará constituída pola presidenta do Parlamento, o Alcalde de Celanova e Presidente da Fundación Curros Enríquez, o Conselleiro Delegado de “R”, o Presidente da Deputación Provincial de Ourense, o Presidente da Real Academia Galega, e Henrique Monteagudo, secretario da Real Academia Galega que pronunciará as palabras de gabanza sobre o colectivo premiado.

O mantedor do acto será o profesor Felipe Ferreiro, patrón da Fundación Curros Enríquez. Como ven sendo habitual o premiado, neste caso en representación de “R”, recibirá unha medalla de prata coa imaxe da fachada da casa e as letras “C” (Celanova, Casa, Celso, Curros e Castor, de Castor Elices) da autoría de Acisclo Manzano e un gravado realizado neste caso por Baldo Ramos,  e despois de asinar no libro de honra da Fundación (pasando xa a formar parte desta entidade como Patrón), clausurará a entrega a Presidenta do Parlamento de Galicia.

As encargadas de complementar musicalmente esta segunda parte do premio serán a acordeonista Celia Adrián e a violinista Ana María Davó, que conforman o “Dúo D,Acord” e que interpretarán diversas pezas musicais relacionadas co universo poético de Celanova.

A mañá rematará na Casa dos Poetas onde se realizará unha visita guiada a todos aqueles asistentes que desexen achegarse ao remate dos actos e onde terán oportunidade aínda de contemplar a exposición que recorda a outro celanovés ilustre como foi o Padre Silva e ó seu circo “Ciudad de los Muchachos”.

Tal e como recolle a acta de concesión do premio, con este acto o Padroado da Fundación Curros Enríquez quere recoñecer así o compromiso que dende a súa fundación, no ano 1998, “R” ten mantido co noso idioma, coa nosa cultura e coa nosa terra, desexando lanzar con este recoñecemento unha mensaxe de futuro para a nosa lingua, por entender que Galicia e o galego poden e deben ser ferramentas válidas a tódolos efectos no complexo ámbito da enxeñería das comunicacións e na inmensa rede da globalización.

 

      ©2012 - Concello de Celanova.                                                                                                                               Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web |Facebook| Correo