Crear PDF Recomendar Imprimir

O Concello de Celanova permitirá estacionar na Praza Maior e na Rúa San Roque ata un máximo de 30 minutos

  • Votación
    (0 votos)
  • Gústame

O Concello de Celanova permitirá estacionar na Praza Maior e na Rúa San Roque ata un máximo de 30 minutos.

O Concello de Celanova procederá durante a xornada de hoxe á instalación dunha nova sinalización reguladora do estacionamento na Praza Maior e na Rúa San Roque, de forma que será permitida unha parada máxima de 30 minutos co fin de facilitar xestións por parte de veciños e visitantes no centro de Celanova e ó mesmo tempo impedir que estas prazas, que son para servizo temporal, non sexan utilizadas polos usuarios como prazas de aparcamento permanente.

O alcalde de Celanova quere aproveitar esta información para saír ó paso, unha vez máis, das mentiras que de forma completamente irresponsable manifesta periódicamente a oposición, neste caso o BNG, que non teñen outro obxectivo có de confundir á poboación e encrespar os ánimos da mesma de forma gratuíta e, como queda dito, de forma completamente irresponsable.
Non é certo, asegura Antonio Mouriño, que durante os últimos días a Policía Local levara a cabo 300 denuncias por infraccións contra o tráfico no casco urbano. Segundo as referencias documentais que obran na alcaldía, durante os últimos 7 días –ata a xornada de onte, mércores- foron realizadas 32 denuncias na Praza Maior, na Rúa San Roque e aledaños e todo elo provocado por unha inadecuada –ou extremadamente celosa- interpretación feita polos axentes da policía local, respecto dunha serie de normas formuladas polo xefe da policía local o pasado día 29 e coas que non pretendía outra cousa ca lembrar algunhas das obrigas que son inherentes á súa función pública.
Dende a xefatura da policía local non se lles deu ningunha orde que mudara sustancialmente o costume tradicional da regulación do tráfico e do estacionamento no entorno da Praza Maior, que viña interpretando coa lóxica tolerancia destinada a facilitar a vida cotián dos celanovenses e dos que nos visitan, os sinais de prohibición de estacionamento. Sen embargo, unha vez que os axentes da policía local tiveron na súa man as normas que lle facilitou o xefe do posto, da noite para a mañá, é dicir, do día 29 de febreiro ó 1 de marzo, pola súa conta fixeron unha interpretación extrema da normativa e dedicáronse a formular denuncias de forma indiscriminada e sen formular avisos previos, que é a recomendación que se lles ten feito chegar sempre dende a alcaldía.
Esa foi a única razón que deu pé ó malestar vecinal e, polo tanto, por detrás desta decisión non está ningún intento da alcaldía, nin do grupo de goberno, de realizar ningunha campaña recaudatoria, tal e como denunciou nos medios de comunicación o grupo municipal do BNG.
De tódolos xeitos, o alcalde de Celanova, tratará de promover unha campaña informativa co fin de concienciar a veciños e visitantes que despois dos esforzos económicos realizados polo Concello, o pobo de Celanova conta agora cun magnífico, accesible e gratuíto estacionamento no denominado Parque das Triguerizas, que todos debemos empezar a utilizar de forma moito máis frecuente co fin de facilitar o tráfico rodado pola vila e ir, pouco a pouco, devolvéndolle as nosas rúas ós peatóns, dado que Celanova é un lugar magnífico para pasear e disfrutar do noso patrimonio histórico e arquitectónico sen a incidencia masiva do tráfico.

 

      ©2012 - Concello de Celanova.                                                                                                                               Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web | RSS| Correo