A complexidade técnica destes motivos decorativos evidencian unha gran habilidade técnica por parte dos artesáns que os tallaron, o que nos fai pensar incluso nunha dedicación a tempo completo.
En Castromao atopáronse varios trísceles, o máis coñecido de todos, este, de infrecuente tipoloxía calada, que xira os seus tres brazos de esquerda a dereita. A súa factura fainos pensar que estivo embutido no muro dunha cabana de planta cadrada, facendo as veces de celosía durante a derradeira etapa na que estivo habitado este sector do castro, alá polo s. II despois de Cristo.
Ademais da función práctica, como celosía, o tríscele tamén pode ser interpretado en clave artística, xa que ao ser iluminado polo sol provocaría o seu reflexo nunha parede interior.
Os trísceles poden vincularse tamén ao mundo relixioso, en concreto ao culto solar, algo moi frecuente en toda a Europa prehistórica, que acolleu os distintos tipos de esvástica (rosetas, trísceles de tres e catro brazos) como emblema identitario frecuente.