logob


Barrio da tabula


Este sector do castro, datable no século II d.C., está conformado por un conxunto de seis construcións que constitúen unha unidade familiar ou barrio. Está situado nunha zona chan a carón da muralla norte e nel destaca a existencia dun tramo de patio lousado así como de catro edificacións de planta cadrada, dúas delas dotadas cun vestíbulo que precede á estancia principal.
Dentro do conxunto, delimitado orixinalmente por muros dunha altura mínima de 2 m de alto, distínguense unha serie de tres arquitecturas adxectivas (cortes, graneiros, almacéns...) e dúas vivendas de planta cadrada dotadas cun fogar para cociñar e quentar o espazo vivideiro. Nestas dúas construcións residenciais puido vivir unha familia de entre 4 e 6 membros adultos.



Tesouriño


Neste mesmo sector do castro apareceu tamén un tesouriño de 64 moedas datable no s. I despois de Cristo. Na cimentación do vestíbulo da estrutura cuadrangular situada máis ao leste recuperouse unha escultura dun simio en vulto redondo.


Tabula Hospitalis

Neste barrio recuperouse a “Tabula Hospitalis”, unha placa de bronce na que se recolle un pacto de hospitalidade datado no ano 132 da nosa Era que asinaron os poboadores indíxenas do castro, os COELERNI, co mando militar romano. Estes pactos entre indíxenas e romanos foron habituais nos territorios de explotación mineira en tempos do emperador Hadriano.

A tábula permite situar neste castro Coeliobriga, a capital do pobo dos coelernos. O pacto tiña por obxecto integrar o poder romano no territorio dominado polos indíxenas. Este pacto de hospitalidade serve para dar fe pública da relación que se establece entre os indíxenas e os romanos, por iso tería sido custodiado nun edificio público da comunidade.

Transcrición do texto da tabula
"Sendo cónsules Gneo Julio Augurino e
Gneo Trebio Sergiano, os "Coelerni" da
Hispania Citerior e do convento de Braga, fixeron un pacto de hospitalidade con Gneo Antonio Aquilino Novaugustano, prefecto da primeira Cohorte dos Celtíberos cos seus fillos e descendentes.
Gneo Antonio Aquilo fixo pacto de hospitalidade cos "Coelerni", cos seus fillos e descendentes. Actuou como legado Publio Campanio Gémino."