logob


A romanización


Entre finais do s. I antes de Cristo e o s. II da nosa Era, a romanidade penetra de forma plena no noroeste da península. Antes dese momento a cultura material romana (lucernas, ánforas, moedas, etc) xa estaba presente nos castros por influenzas culturais e contactos comerciais, pero entorno ao cambio de era a arquitectura do imperio faise visible xa en forma de construcións de planta cadrada e rectangular que se teitan cunha técnica máis duradeira: a tella cerámica.
O lousado de patios, a planificación da recollida de augas pluviais ou as plantas rectangulares de vivendas son elementos propios da arquitectura romana que, pouco a pouco, fanse presentes en castros como Coelióbriga. Porén, a nova arquitectura non chegará nunca a substituír aos modelos indíxenas baseados na planta circular e nas cubertas de colmo, senón que convivirá con esta. Os grandes poboados ou oppida como Castromao vense obrigados a adoptar unha nova maneira de xestionar a vida dentro da cidade fortificada, o que os move a crear novos espazos para a vida en común, o establecemento de normas e o exercicio do poder dentro da comunidade.



Un altar en pedra


No ano 1984 foi localizada una ara romana formando parte do antigo lagar da Casa Reitoral de Santa María, na actual aldea de Castromao, onde se conservan inda restos doutra. Trátase dun pequeno altar de granito no que figura unha inscrición que foi interpretada como:
Que foi interpretada como:
Aper, fillo de V(rs)ico, dedicou de boa gana un voto a Reva Siboico.


Violencia e intimidación


Son varias as pezas que nos falan dos aspectos bélicos ou de prestixio en sociedades guerreiras atopados no castro..

Estatuas de guerreiros
O fragmento da estatua de guerreiro atopada en Castromao é de reducidas dimensións. Mide menos de 30 cm e loce un escudo redondo diante do abdome. Este tipo de estatuas aparecen representados sempre de pé, mantendo unha postura hierática, cos brazos pegados ao corpo e as pernas xuntas.
O guerreiro de Coelióbriga viste un sagum (unha especie de manto cadrado que non pasaba dos xeonllos) e porta unha caetra (un escudo redondo). Pero o elemento que máis chama a atención é o torques decorativo (un colar ríxido) que loce no seu colo.

Falcatas
Tamén se recuperou unha falcata, unha arma característica dos guerreiros galaicos, lusitanos e celtíberos. Ten forma de espada curta, provista dunha folla ancha e curva e dotada dunha empuñadura curvada e aberta. A que se atopou en Castromao foi realizada en chapa de ferro aplanada, ensanchada e afiada, e amosa unha folla de sección triangular que se conserva dobrada e fracturada.