logob


Unha aldea do bronce


Os restos de ocupación mais antigas no Castromao data de finais da Idade do Bronce (entre o 700 e o 600 antes de Cristo), un momento no que as cabanas se construían en materiais perecedoiros (madeira, palla e barro), de aí que esta arquitectura apenas deixe rastro no rexistro arqueolóxico. Esta etapa da prehistoria coincide coa aparición da metalurxia, unha tecnoloxía que revoluciona esta sociedade prehistórica. A nova técnica permitiu a fabricación de armas (espadas, puñais ou alabardas por exemplo), o que explica a xerarquización da sociedade e a creación de elites de goberno de carácter militar.
Grazas á metalurxia intensificouse tamén a actividade agrícola e forestal e a fabricación de apeiros e útiles máis avanzados e resistentes (arados, aixadas ou fouces). De aí que os excedentes pasen a conservarse en fosas de grandes dimensións escavadas no chan; no seu interior, con frecuencia, aparecen muíños planos e naviformes, e tamén vasos cerámicos decorados nos que foron atopados restos de trigo, nabos, repolos, verzas ou incluso herba.


Pedras decoradas

Coelióbriga, xunto con outros lugares centrais da área bracarense (como Santa Tegra ou Monte Mozinho) son os oppida galaicos nos que apareceron máis pedras decoradas. Na zona lucense non se coñece este tipo de arte decorativa. Boa parte destas pezas empotrábanse nas paredes ou lucían no contorno dos ocos (portas, celosías ou xanelas).

A plástica sobre pedra é un capital simbólico que fai as veces de marcador social dentro da comunidade, sobre todo a finais da Idade do Ferro (entre o 450 e o Ano 0). Coa chegada da romanización esta manifestación artística desaparecerá.

O simio
Esta figura zoomorfa foi atopada formando parte da cimentación do muro dunha cabana, unha vez perdida a función simbólica coa que seguramente contaba así que rachou a súa cabeza, tal vez de xeito intencionado. Representa a un simio sentado e encollido sobre si mesmo, que suxeita un obxecto indeterminado entre os pés e as mans, e incluso semella que con estas quere tapar a boca ou os ollos. Fóra das interpretacións controvertidas e significado hipotético que poida agochar, representa unha peza única dentro da plástica escultórica castrexa.